“As nosas raíces están destinadas a dicirnos de onde vimos, se o sabemos, é máis fácil descobrir cara onde queremos ir. Sen este coñecemento estamos perdidos”

Sheila Patricia

Sheila Patricia chega con Epifanía nun momento de volta ao esencial. Un disco que coloca de novo no centro o acústico: a guitarra, a voz e esa maneira tan súa de contar a nivel interpretativo. Non faltan para o final de festa algúns temas onde a mestura cos ritmos bailables inunda o universo da artista.

A súa voz, potente e coidada, bebe do imaxinario colectivo datradición oral e da forza das mulleres que a precederon. No escenario constrúe presenza, corpo e carácter, facendo do empoderamento feminino algo real e palpable, non un adorno.

Nesta nova etapa, Sheila móvese entre capas: o máis íntimo e orgánico convive coa exploración sonora, coa improvisación e co xogo coa electrónica. Cada concerto é unha pequena transformación, un espazo onde a música recorda á xente o seu propio poder creador.

O seu proxecto non é só música: é unha maneira de entender a creación como camiño e como revelación.

Co espectáculo Epifanía, aparecen novos repertorios pero tamén percorre as pezas que fiaron a súa traxectoria, reinterpretándoas desde o presente e abrindo portas a novas luces e novos sons. Un directo que comeza na proximidade e remata en celebración, deixando ver todas as capas que a fan ser quen é.